Hoxe, a Fundación Amigos de Galicia realizou un acto de entrega a unha familia de A Coruña, que tivo lugar nas instalacións de Incoga, unha das empresas colaboradoras desta iniciativa solidaria. O evento enmárcase dentro da campaña “Comparte Ilusión”, que ten como obxectivo facer posible que as festas de Nadal sexan especiais para nenos e nenas de familias en situación de vulnerabilidade.
Desde a Fundación queremos agradecer enormemente a implicación de Incoga, que, a través da compra de agasallos, contribúe a que 33 menores atendidos pola nosa entidade poidan gozar dun Nadal máis alegre e ilusionante. Este acto é un exemplo de como a colaboración entre o tecido empresarial e o terceiro sector pode marcar unha diferenza real na vida das persoas máis vulnerables, e son este tipo de colaboracións as que nos permiten chegar a tanta xente.
A campaña “Comparte Ilusión” continúa activa, e dende a Fundación invitamos a máis empresas e particulares a unirse a esta iniciativa solidaria para que ningún neno ou nena quede sen agasallo nestas datas tan especiais.
Para máis información sobre a campaña ou para colaborar, póñanse en contacto coa Fundación Amigos de Galicia a través da nosa páxina web ou das nosas redes sociais.
Grazas por axudar a compartir ilusión este Nadal!