// FOTO: asistentes ó curso de dixitalización do programa «Mellor Acompañad@s», no Concello de Outes (A Coruña).

 

Vilagarcía de Arousa, 19 de xuño de 2023

NOTA DE PRENSA

 

Para romper a barreira que existe entre as xeracións nativas dixitais e as mais maiores, son necesarias iniciativas que contribúan á súa formación e apoio neste proceso de adaptación.

Por iso, dende a Fundación Amigos de Galicia creouse o programa «Mellor Acompañad@s», que se está a desenvolver nos concellos de Galicia e entidades sociais, e ten como obxectivo formar a persoas maiores dos distintos concellos galegos para que sexan capaces de comprender todas as funcionalidades relacionadas cos dispositivos electrónicos que se utilizan a diario (smartphones, pantallas táctiles de administración, caixeiros automáticos…).

Un problema moi común entre a poboación maior ten que ver cos trámites relacionados co Servizo Galego de Saúde que adoitan verse obstaculizados pola conxestión das súas liñas telefónicas, polo que contar coas competencias dixitais necesarias para realizar calquera trámite telemático contribúe á mellora exponencial. da súa calidade de vida.

Salientar tamén que as persoas maiores dependentes dos seus familiares atopan barreiras, moitas veces insalvables, e dun xeito especial as 130.000 persoas que viven soas en Galicia.

A labor social da Fundación Amigos de Galicia neste eido trata de dotar de competencias básicas a todas aquelas persoas maiores que o precisen, para que sexan independentes, e favorezan o seu envellecemento activo, a socialización e a súa autonomía; especialmente naqueles casos de maior vulnerabilidade.

Cómpre sinalar que, ademais, moitos habitantes das comarcas do Barbanza e Muros-Noia atópanse nunha situación de exclusión financeira, é dicir, non dispoñen de entidades bancarias próximas nas que poder desenvolver a súa actividade diaria. Por iso, un dos contidos centrais destas formacións ten que ver coa xestión da Banca Electrónica, a través da cal os usuarios poderán realizar os seus trámites bancarios sen necesidade de desprazarse, tendo en conta que nalgúns casos teñen moitas dificultades de mobilidade.

Este mes incorporáronse 15 veciños e veciñas de Outes, xunto a outros 64 maiores de concellos limítrofes, que quixeron participar nesta iniciativa. Isto foi posible grazas á colaboración da Concellería de Servizos Sociais do Concello de Outes.

Esta acción formativa continuará os días 27 de xuño e 4 de xullo en horario de 9:30 a 12:00 horas na aula anexa á aula coworking de Outes. A Fundación Amigos de Galicia pon a disposición da poboación, así como das asociacións de maiores e dos concellos interesados ​​nestes obradoiros, un formulario web dende o que contactar coa entidade para solicitar a súa colaboración.

 

__________

CONTACTO: Dpto. de Comunicación – Fundación Amigos de Galicia
E-mail: comunicacion@fundacionamigosdegalicia.org
Teléfono/WhatsApp: 672 706 182