02 de Xullo de 2021

Entrevistamos a María, persoa usuaria do Servizo de Atención Psicolóxica da Fundación Amigos de Galicia.

María é usuaria do servizo desde fai tres meses. De procedencia uruguaia, leva 2 anos vivindo en Ferrol xunto aos seus tres fillos de 13, 4 e 1 ano.

Atopou o servizo de atención psicolóxica a través de internet porque estaba buscando o servizo para o seu fillo maior, pero a técnica detectou que ela tamén debía recibir atención.  O problema que viviu o seu fillo con 5 anos arrastrouno desde entón, e ata o de agora nunca se imaxinou que ela tamén necesitaba axuda.

Desde que comezaches a terapia co servizo de Fundación Amigos de Galicia notaches algunha mellora?

Antes de comezar as terapias eu non sabía que me pasaba, pero era unha angustia que arrastraba desde fai máis de sete anos. Non quería saír de casa, cando saía atopábame mal e eu non sabía por que me pasaba iso. A técnica da Fundación Amigos de Galicia diagnosticoume agorafobia e crise de ansiedade, e eu non sabía nin o que significaba.

Antes  podía estar 4 ou 5 días sen saír de casa, pero desde que comecei coa técnica e grazas aos exercicios que estamos a facer atópome moito mellor. Xa podo saír de casa, e xa non sinto ansiedade por pensar en ter que facelo, que é un paso moi importante.

Ela dime sempre “ti podes” e para min é moi importante. As palabras de alento que me dá son fundamentais para que poida superalo, xa que eu soa non podía nin sabía como manexar esa situación.

Resúltanche útiles as terapias?

Estamos a traballar con exercicios de autoestima, de respiración e de  autogestión, e se me dá unha crise na rúa xa se como manexalo, algo que para min antes era imposible. Tamén me dá moita tranquilidade saber que, se nalgún momento non podo xestionalo, ela está á miña disposición. Tamén estou moi contenta porque por sorte ata o momento non me fixo falta o rescate.

Para min hai un antes e un despois a partir da terapia; e recomendo a quen sufra este tipo de problemas que pida axuda canto antes dun profesional.